O venres, 13 de xuño de 2025, tivo lugar no noso centro a celebración da cerimonia de graduación do alumnado de 4º da ESO e a despedida dos nenos e nenas de 6º de Primaria, que comezan agora unha nova etapa académica. Acompañados polas súas familias, amizades e profesorado, os estudantes viviron unha tarde chea de emocións e recordos compartidos.

O acto deu comezo coa entrega de premios e distincións ao esforzo e ao traballo de alumnos de diferentes cursos, para continuar logo co momento máis esperado: a entrega dos diplomas aos verdadeiros protagonistas da xornada. As ovacións e os xestos de orgullo enchían a sala, reflectindo a importancia desta ocasión.

Non faltaron as palabras de agradecemento dos graduados e dos mestres. Finalmente, os abrazos e as despedidas puxeron o peche a un evento que simboliza a fin dunha etapa e a apertura doutra chea de retos e oportunidades.

Desde o colexio queremos trasladar a nosa noraboa a todos e todas por este paso adiante no seu camiño educativo.