Como cada ano, celebramos este pasado venres o noso tradicional desfile de entroido, que xa é unha cita marcada no calendario do colexio. Nesta ocasión, o tema elixido foi «A vida no mar», unha proposta que deu moito xogo e que permitiu traballar nas aulas contidos relacionados co mundo mariño, o coidado dos océanos e as profesións vinculadas ao mar.
Queremos destacar, con letras maiúsculas, a excelente participación do alumnado e das súas familias. Notouse o esforzo e o tempo dedicado á elaboración dos disfraces: houbo peixes de cores espectaculares, mariscadoras, mergulladores, sirenas, cangrexos, etc.
O traballo previo nas aulas tamén se viu reflectido no desfile: non foi só poñerse un disfraz, senón comprender e valorar a importancia do mar na nosa cultura e na nosa economía. Así dá gusto celebrar o entroido.
Para rematar a xornada, como manda a tradición, o alumnado trouxo produtos típicos destas datas para compartir e degustar ao finalizar a actividade, poñendo o broche perfecto a un día de convivencia.
Foi, sen dúbida, unha xornada moi especial, chea de cor, creatividade e bo ambiente, na que toda a comunidade educativa demostrou que cando se traballa en equipo, o resultado sempre merece a pena.
