Graduación e orlas do alumnado de 6.º de Educación Primaria e 4.º da ESO

O pasado venres 12 de xuño celebramos no noso colexio o acto de graduación do alumnado de 6.º de Educación Primaria e 4.º da Educación Secundaria Obrigatoria, unha xornada moi especial que reuniu a familias, profesorado e estudantes para conmemorar o remate dunha importante etapa educativa.

Durante o acto recoñeceuse o compromiso e a dedicación do alumnado, destacando especialmente o labor das persoas voluntarias do centro, así como a participación e os éxitos acadados en distintos eventos deportivos ao longo do curso.

Tamén se fixo un repaso dos numerosos logros obtidos polos proxectos educativos desenvolvidos este ano, entre os que sobresae o segundo premio concedido pola Xunta de Galicia ao vídeo O noso canto, ademais dos recoñecementos acadados nos ámbitos musical e artístico.

A cerimonia contou coas intervencións de representantes do profesorado, das familias e do alumnado de ambos os dous cursos, así como coas palabras da directora, que quixo felicitar ás persoas graduadas polo traballo realizado e animalas a afrontar con ilusión os novos retos que lles agardan.

O acto concluíu coa entrega dos diplomas ao alumnado graduado e coa proxección dun emotivo vídeo que lembrou os anos de convivencia, aprendizaxe e experiencias compartidas polo alumnado de 4.º da ESO durante o seu paso polo centro.

Desde o colexio queremos felicitar a todas as persoas graduadas e desexarlles moito éxito na nova etapa que agora comezan.