O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe o adiamento nunha semana do inicio de curso en Secundaria, en concreto aos días 23, 24 e 25 de setembro. A decisión foi consensuada coa Xunta Autonómica de Directores, nunha reunión celebrada esta mañá cos representantes dos centros de Secundaria xunto cos xefes da Inspección educativa nas catro provincias. A decisión do adiamento foi comunicada tamén aos representantes das familias e dos profesionais dos centros.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, trátase dunha decisión prudente, “que responde a razóns técnicas, que tomamos en base a criterios organizativos e metodolóxico-pedagóxicos, e logo de escoitar a opinión dos representantes dos directores de Secundaria e máis dos xefes de Inspección”. Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares.
https://www.edu.xunta.gal/portal/node/31889
Novo calendario
Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado.
1º e 2º da ESO, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23
3º da ESO que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24.
Os estudantes de 4º da ESO que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25.