Unhas 150 ximnastas pertencentes ao club Vilarousa, club Treboada, Club Grand Jeté, Club as Triscas e do Colexio Abrente, trasladáronse ao pavillón do colexio para participar no  X FESTIVAL DE XIMNASIA RÍTMICA COLEXIO ABRENTE, este ano dedicado ao proxecto de centro “Abrentes do Mundo”, un proxecto no que pretendemos coñecer e aprender dous outros e de nós mesmos, achegándonos á cultura e as tradicións de distintos lugares do mundo. Neste caso convidámolos a atopar no baile e a música da nosa terra, toda a súa forza nas mans dos que traballando fan o futuro posible, dende o mar, dende a casa, dende o colexio e dende a memoria.

O pasado sábado o pavillón encheuse de luz, alegría e ilusión. A ritmo da música que rompeu fronteiras e acompañadas dás pandereteiras do colexio, participaron as nosas Tanxugueiras  pequenas, sacando un gran sorriso a todos os espectadores. Sen afán de competición pero si de desfrute e convivencia foron unha a unha saíndo os diferentes conxuntos, individuais e dúos de todos os clubs participantes.

Seguido a extraescolar de EP representó a Muiñeira de Ons, festexando e lembrando que temos a terra mais fermosa, o ceo e o mar que acougan nosas vidas e que temos que coidar.  Que cando os galegos marcharon deron paso a un novo sentimento: a morriña, porque a volta se fixo longa e porque o corazón non entende de distancias. No festival estivemos xuntos e como di a copla tradicional: Agora que nos xuntamos, os de abaixo e os de arriba, agora que nos xuntamos, viva nosa compañía. Continuando coas 37 coreografías tanto de competición como de exhibición que se foron representando ao longo da mañá, sacando grandes aplausos e sorrisos a un gran público entregado.

Para terminar coa coreografía final onde todas as nenas de competición do Colexio Abrente xuntáronse para representar Memorias dunha noite  entendendo que ser galego é traballar o mar, na terra, compartir e facer festas pero sobre todo unir forzas cando é necesario, como hai máis de 20 anos, naquel día que a marea negra encheu as nosas costas, e milleiros de voluntarios e voluntarias puxeron o corpo para formar unha marea branca e escribir na terra e na memoria, nunca máis!

Neste festival os ximnastas dos diferentes clubs xuntáronse para compartir e facer unha gran festa da ximnasia, onde ximnastas de distintos niveis uniron forzas, gañas e entusiasmo para darnos un fermoso espectáculo.

Moitas grazas a tódolos clubs participantes por vir e pasar un intre divertido connosco e a Eolo náutica e o Real Club Náutico de Sanxenxo, por achegar un anaco do mar o noso pavillón.

NORABOA A TODAS AS XIMNASTAS!